A Revista       Buscar en Rexurga       Bases de Datos Gratuítas       Novas       Participación       O Dato Útil       Ligazóns   
  Venres, 29 de marzo de 2024
Participación > Xanela Aberta
Xanela Aberta


¿Seguridade cidadá? Imprimir nova
Venres, 28 de xullo de 2006
A problemática da inseguridade cidadá aparece regularmente na nosa sociedade como un debate constante que enfronta sentimentos moi diversos, sen dúbida presentes na maioría das persoas, pero, tamén sen dúbida, convenientemente azuzados nos momentos en que se toman decisión de endurecemento das penas.

O discurso de aumento de resposta penal ten uns importantes réditos electorais. Permite vender unha imaxe de dureza e firmeza do goberno e traslada unha imaxe de resposta que tranquiliza á sociedade co só nomeamento da solución. É barata a decisión a curto prazo, dado que non supón unha inversión económica seria; pero permite obter titulares sobre a solución dun problema. Precisa, a grandes rasgos, impor dúas afirmacións e atacar un sentimento. As primeiras: que existe un importante problema coa delincuencia, e que a prisión é a solución. Aquel, o sentimento, a natural tendencia dunha parte da sociedade a non admitir maiores doses de represión ou de sancións.

Os mecanismos de actuación son múltiples e nada inocentes. O proceso esixe en primeiro lugar, deshumanizar ao “delincuente”, quitarlle identidade individual que permita que a cidadanía o observe como un próximo. É necesario que sexa observado como un “outro”, un “alleo”, en resume: un enemigo. Recordan as técnicas propias de estados militaristas en xustificación do ataque ao enemigo. Unha das formas consiste en identificalo cun colectivo definido, como, dende grotescas mentes xenófobas, faise cos inmigrantes. Outro enchelo de adxectivos de maldade, ou que non deixen espazo á reflexión. Ou falar de colectivos indeterminados aos que se lle imputan todos os feitos dun momento: “bandas de rumanos”, “mafias rusas”,....

É necesario que se bombardee de forma sistemática con información sobre sucesos e feitos que permitan estender unha sensación de inseguridade. É peculiar como a repetición desas noticias consegue que persoas que nunca sufriron un feito violento, manifesten sentimentos de medo. Ou que persoas que nunca coñeceron a persoas de determinados colectivos, os cualifiquen de forma negativa e asociándoos á delincuencia. Parece ser que os milleiros de persoas que migraron aquí para traballar, non producen nin un feito noticioso que non sexa asociado coa delincuencia.

Por outra banda, esas noticias non deben nunca entrar na análise das circunstancias. Os feitos preséntanse de forma aillada e individual. Non se entra a analizar as circunstancias que rodean ese feito. Non se permite a dúbida sobre as fontes de información, en moitas ocasións vencelladas ás Forzas de Seguridade. A causa da comisión dun delito é o mal conxénito do seu autor. Non cremos que todo este xustificado por circunstancias sociais. Sen embargo, non entender esas circunstancias non permite enfrontar os problemas e pretender solucións. Dous exemplos aparecen próximos. Por unha banda, a delincuencia asociada con situacións de marxinalidade e pobreza das persoas que migran a Occidente, non merece un estudio conxunto coas circunstancias en que lles facemos traballar ou mendigar a súa vida unha vez que chegan. Só atopan espazo nos medios de comunicación para, desligados de toda situación, ser observados como autores de feitos delictuosos. No caso da chamada violencia de xenéro, atopamos que a pretensión dunha parte do movemento feminista de facer reflexionar á sociedade sobre os valores machistas que aparecían de forma violenta nas relacións personais, derivou en considerar que o maltratador é unha anomalía que se explica por si só, ao tempo que se inclúe nesa categoría feitos e persoas que merecerían algunha reflexión non homoxeneizadora. O problema desas relacións entre as causas e os feitos é moito máis complexo. As circunstancias non xustifican por si soas os feitos. Pero a visión aillada non só pretende que non o fagan, senón manipular a imaxe da situación.

Vendida unha xeral situación de medo, aparece inmediatamente a solución. Máis man dura. Xa se advertiu que o problema reside unicamente no autor dos feitos, polo que ningunha medida debe ser dirixida senón cara el. Tamén preparouse a identificación desa persoa cun ser esencialmente asocial e malo, non forma parte de Nós, é un Outro. Polo tanto, ningunha medida que non sexa represiva pode ser atendida ou discutida. Pero, é máis, non se fai ningunha reflexión sobre a necesidade de inversións económicas nas forzas de seguridade ou na sobre a súa coordinación. A resposta é aumentar as penas no Código Penal. Nos últimos anos asistimos, cada vez con menos sorpresa, á utilización simbólica do Dereito Penal como afirmacións de valores da sociedade. Non importa tanto manter proporcionalidade entre o ben xurídico protexido e a pena, ou o resultado en termos de eficacia das reformas, o que importa é vender unha mensaxe de dureza. Así se suceden reformas penais sen agardar resultados que podan ser analizados. Non se analiza que teña aumentado a tasa de persoas privadas de liberdade, situándonos (nesto si) nos postos máis altos da Unión Europea. Que eso sexa así, e que non se produzan cambios na tasa e de delincuencia (que non só das máis altas da Unión Europea), non provoca un cambio de rumbo. O saber popular o resumiría nun mítico adaggio da irracionalidade: se non queres caldo, ....

O discurso crítico coas respostas penais e represivas nos últimos anos ten perdido presenza pública. Semella ter buscado reductos nas universidades e ambientes profesionais. Nos anos oitenta e principios dos noventa os estragos causados polas drogas e a reforma económica aínda permitiron recordar esa necesaria identificación coas persoas sometidas ao proceso penal, dada a proximidade, sobre todo nos barrios máis populares, coa cidadanía. Nos últimos anos, dous procesos teñen influído nesta postura. Por unha banda, a migración ten alterado os equilibrios identitarios no seo da nosa sociedade. Resulta máis doado a despersonalización de persoas que pertencen a colectivos culturais menos próximos e coñecidos. Por outra banda, moitos movementos sociais teñen abrazado, incluso con paixón, o Dereito Penal. Así, é un exemplo as peticións de maior sanción de determinados movementos feministas, que se teñen convertido en únicos portadores desa mensaxe en detrimento de moitas feministas críticas. Esa situación permite desacreditar calquera crítica como inxenua ou débil.

As anteriores reflexións teñen un detonante. Hoxe o xornal El Pais regalounos un exemplo de manipulación ideolóxica nun artigo que semella un paso máis nesta campaña. Jesús Duva no artigo titulado “50 personas acumulan 7.000 detenciones” (www.elpais.es/articulo/espana/personas/acumulan/000/detenciones/elpporesp/20060723elpepinac_3/Tes/) constrúe todo un monumento ideolóxico do discurso que pretendemos denunciar. Todo o artigo é construído sobre os datos achegados pola policía. No mesmo fanse referencias ás persoas detidas como “maleantes” ou persoas que “han hecho de la delincuencia su forma de vida”. Ningún matiz ou diferencia sobre o tipo de feitos que provocaron esas detencións. Ningunha aclaración sobre esas detencións derivaron en probas sobre comisión de feitos ou quedaron en imputacións policiais sen base probatoria. Ningunha referencia ás veces que resultaron detidos polos mesmos feitos, como soe suceder cando carecen de domicilio onde recibir notificacións. Ou cando foron detidos por carecer de papeis, que só burdamente pode equipararse a detencións por comisión de delitos. Sen inocencia algunha, introduce o dato entre parenteses da orixe magrebí dos detidos. As referencias á “banda dos peruanos” rozan a literatura de guerra ou os carteis contra o enemigo, se ben lle falta a cualidade literaria de algunha desas manifestacións. Non se preocupa de determinar os feitos polos que esa persoa foi acusada (por suposto, non aclara se resultou condenada), diretamente o inclúe nunha “banda”, substantivo ben cargado de maldade. Pero é ao final do artigo cando fai o gran salto ideolóxico, a reviravolta intelectual que lle permite o que semella p

Autor: Xermán Varela Castejón. Xuíz
rexurga.es (Revista Xurídica Galega)
e-mail: rexurga@rexurga.es
 
Páxina optimizada para 800x600, © rexurga.es
 Presentación   |   Subscribirse 
 Xurisprudencia   |   Colaboracións   |   As Nosas Leis 
 Lexislativa   |   Xurisprudencia   |   Ditames 
 Novas de Rexurga   |   Quiosco de Prensa   |   Novas da Xunta de Galicia 
 Documentos de Interese   |   Xanela Aberta   |   Foro 
 Calendario Festivo   |   Tipo de Xuro Xeral   |   Salario Mínimo Interprofesional   |   Indemnizacións Laborais   |   Directorio de Xulgados 
 Normas Urbanísticas en Galicia   |   Mapas de Galicia   |   Meteoroloxía   |   Cámaras Web 
 Administracións Xudiciais e Fiscais   |   Editoriais Xurídicas   |   Tribunais   |   Universidades